Friday 03 de May de 2024

Ordes celebra a súa xuntanza de maiores


Máis de 830 comensais participan do encontro celebrado no Campo da Feira

O Concello de Ordes celebrou, un ano máis e por todo o alto, a súa xuntanza de maiores. En total foron máis de 830 os comensais que non se quixeron perder este encontro “que esperemos que todos e todas poidamos seguir desfrutando durante moito tempo”, tal e como sinalou o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo. O rexedor destacou que “xuntanzas como esta permiten poder vernos todos e desfrutar dun bo momento na compaña de persoas, veciños e veciñas que doutro xeito sería difícil ver”. Por este motivo Martínez Sanjurjo comprometeuse a seguir organizando e promovendo “este tipo de encontros”.
O programa arrancou ás 13.30 horas na carpa instalada no céntrico Campo da Feira. A misa solemne marcou o inicio, a cal estivo seguida dun baile onde abundaron os pasodobres e os ritmos propios da canción española. Foron moitos e moitas os que se animaron a salir á pista e botar unha baila na compaña de amigos, amigas, familiares e cónxuxes. Posteriormente deu comezo o xantar propiamente dito no que pratos tan tradicionais como a empanada ou o polbo con cachelos, entre outros, non faltaron. Á cita non faltaron representantes de todos os partidos que constitúen á corporación municipal.
Tras unha boa sobremesa os sons do grupo Bahía Blanca comezaron a sonar de novo, instante no que moitos e moitas se levantaron dos seus asientos para botarlle unha peza… ou máis.